Marta González: "A conciliación e a corresponsabilidade son a sinatura pendente da nosa sociedade e do mercado laboral"

Sen conciliación e sen corresponsabilidade non será posible lograr unha sociedade verdadeiramente igualitaria, e non se poderá solventar o grave problema demográfico que ten España e Galicia en particular. A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta desenvolve programas para promover a conciliación e a corresponsabilidade entre homes e mulleres, como as axudas á redución de xornada ou o apoio ás ANPAS para actividades extraescolares.

  • Marta González: "A conciliación e a corresponsabilidade son a sinatura pendente da nosa sociedade e do mercado laboral"
  • Marta González: "A conciliación e a corresponsabilidade son a sinatura pendente da nosa sociedade e do mercado laboral"

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu hoxe na Universidade de Vigo durante a presentación de dous libros sobre conciliación e corresponsabilidade, que contaron co apoio económico da Xunta de Galicia, que a conciliación e a corresponsabilidade son "cruciais" para lograr a igualdade real entre homes e mulleres, e son "unha sinatura pendente do noso mercado laboral e da nosa sociedade".

Na presentación das obras Instituciones de conciliación del trabajo con el cuidado de familiares, de  Emma Rodríguez Rodríguez, e Conciliación de la vida familiar y laboral, corresponsabilidad entre sexos, do catedrático de Derecho del Trabajo y de la Seguridad Social da Universidade de Vigo e da profesora Belén Fernández Docampo, a responsable de Igualdade explicou que nas obras se analiza  a conciliación "como un problema social, non como un problema familiar" e se fai unha análise exhaustiva sobre a importancia que teñen estas dúas condicións "para lograr unha igualdade real en todos nos eidos da vida entre homes e mulleres".

Marta González destacou a necesidade de que a conciliación e a corresponsabilidade "ocupen as axendas políticas e os titulares dos medios de comunicación" xa que a igualdade real entre homes e mulleres “aínda non está completamente conseguida" e a pesar de que "a procura dun espazo lexítimo na vida pública e profesional para as mulleres, e a oportunidade de compartir cos homes o mundo do privado e doméstico, están tendo como consecuencia un cambio social profundo", este non será posible se non existe a conciliación entre a vida familiar e a profesional e non hai un reparto equitativo das tarefas de coidado.

Lograr ese cambio, que aínda se está a desenvolver, é o motivo da necesidade de poñer en marcha políticas de igualdade, sinalou a secretaria xeral, que matizou que estas buscan favorecer a formación e a incorporación das mulleres en igualdade de condicións no mundo laboral, a través dun un reparto equitativo das responsabilidades familiares.

A conciliación e corresponsabilidade

A proba máis evidente desa falla de harmonización, dixo González, "atopámola na dramática caída da natalidade, un grave problema para toda España, e moi particularmente para Galicia, que ten e terá moi graves consecuencias", por iso, indicou, "é necesario que administración, empresas, universidades e toda a cidadanía traballemos conxuntamente para facilitar un contexto máis favorable para as familias, o que pasa indudablemente por atopar mecanismos que permitan conciliar a  vida profesional, vida persoal e vida familiar".

Nese sentido, lembrou que o departamento que dirixe ten posto en marcha iniciativas para promover a conciliación e a corresponsabilidade, como son as axudas económicas aos pais traballadores que reduzan a súa xornada laboral para coidar aos seus fillos e fillas menores de 8 anos, que lles permitan compensar a redución salarial á que a redución de xornada da lugar, ou as axudas para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar apoiando ás asociacións de nais e pais para que desenvolvan actividades extraescolares, inmediatamente antes ou despois do horario lectivo e sempre no mesmo edificio do centro escolar, que lles permitan mellorar o problema de conxugar os horarios laborais cos escolares durante o período lectivo.

A secretaria xeral fixo fincapé no feito de que "as políticas de conciliación non son políticas de mulleres" senón que hoxe en día deben verse como importantes medidas para mellorar a satisfacción e o benestar de mulleres e homes por igual, "que teñen dereito a compatibilizar as súas vidas privadas, as súas responsabilidades familiares e o desempeño das súas actividades profesionais sen problemas".

Para isto, dixo, "é preciso continuar avanzando na sensibilización de toda a sociedade, administracións, empresas e cidadanía en xeral, sobre a importancia dunha maior flexibilización e racionalización nos horarios, que permitan ás persoas vivir sen necesidade de converterse diariamente en heroes a través da superación de múltiples obstáculos na harmonización de todas esas esferas".

Marta González felicitou aos autores das obras e á Universidade de Vigo pola traballo e a investigación realizada en materia de conciliación e corresponsabilidade e animounos a continuar avanzando no desenvolvemento de estudos que estean na base da toma de decisións de carácter político.