O Diario Oficial de Galicia publica as bases das axudas para que os concellos galegos contraten vítimas da violencia de xénero con 2,5 M€ orzamentados en 2024

O Goberno autonómico financia as retribucións salariais brutas totais das mulleres durante un máximo de doce meses

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 19 de febreiro

A Xunta contribúe coa iniciativa a mellorar a autonomía económica destas mulleres e axudalas na súa recuperación

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria 2024 das axudas coas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade sufraga, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte de entidades locais (concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades). Estímase que ao redor de 100 mulleres poidan ser incorporadas grazas a estas medidas.

Os concellos beneficiarios recibirán a contía necesaria para financiar as retribucións salariais brutas totais das mulleres contratadas (incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social) ata un máximo de 12 mensualidades.

O número de contratacións a subvencionar en cada entidade depende da poboación abranguida. Vai dun mínimo dunha en concellos con ata 5.000 habitantes,  ata un máximo de 6, nos casos nos que se superan as 50.000 persoas residentes. 

As traballadoras ocuparanse da realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais. Entre outros requisitos, a relación laboral establecida debe ser polo menos de seis meses en xornadas a tempo completo,  ou no caso das parciais, non inferiores ao 50%. Durante a execución, os concellos deberán favorecer, ademais, a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.

A Xunta quere apoiar con esta medida ás mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as que padecen violencia vicaria ou trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual. Para poder acceder aos contratos deberán constar inscritas como demandantes de emprego ou ter solicitada mellora de emprego no Servizo de Emprego de Galicia.

O traballo é parte importante no proceso de recuperación das vítimas da violencia de xénero, xa que lles outorga maior autonomía e impulsa a súa independencia e apoderamento, capacitándoas para unha inserción estable no mercado ordinario.

A medida forma parte do conxunto de actuacións que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero desde 2019.

As entidades locais interesadas teñen de prazo ata o próximo 19 de febreiro para realizar a súa correspondente solicitude.