A secretaria da Igualdade inaugura o seminario 'Mulleres con poder ao final da Idade Media'

Marta González destaca o apoio do departamento á execución de programas sobre igualdade no sistema universitario galego e nos organismos públicos de investigación cunha liña de axudas de 460.000 euros este ano.

Multimedia

Santiago, 29 de xuño de 2011.- A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou esta mañá en Santiago o Seminario de especialización 'Mulleres con poder ao final da Idade Media', organizado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento na súa sede no antigo Hospital de San Roque.

A titular de Igualdade destacou na súa intervención a liña de apoio do departamento á execución de programas sobre igualdade no sistema universitario galego e nos organismos públicos de investigación de Galicia, entre os que se atopa o Instituto de Estudos Padre Sarmiento, dotada este ano cun presuposto total de 460.000 euros.

Contextualizado nesa liña de actuación do departamento para favorecer investigacións de xénero, o Padre Sarmiento desenvolve, amais do seminario inaugurado hoxe, outro proxecto denominado 'Mulleres escritoras na Galicia do século XIX', financiados ambos pola Secretaría da Igualdade con 59.000 euros.

Marta González subliñou a evolución do labor deste organismo público de investigación que, se ben ata hai pouco tempo estivo ausente do estudo da historia das mulleres, "agora eríxese en referente indiscutible, como ten sido en tantas outras materias vencelladas ao coñecemento da nosa realidade durante a súa ampla e fecunda traxectoria". E en referencia aos dous proxectos que desenvolve o Padre Sarmiento apoiados por Igualdade, sinalou que estudan as biografías "de mulleres arriscadas, audaces, que protagonizaron grandes historias e que viviron máis aló dos límites tradicionalmente impostos á actividade feminina".

Este labor investigador, engadíu Marta González, "satisface tamén a necesidade de coñecer o noso pasado, de entender a vida de quenes nos precederon e de recuperar a historia que nos pertence, á vez que salda unha débeda de recoñecemento coas nosas antecesoras e permítenos recuperar o seu legado".

O seminario 'Mulleres con poder ao final da Idade Media' está estruturado en seis sesións ao longo dos meses de xullo e setembro, que deron comezo hoxe coa ponencia de Isabel Beceiro sobre 'Cultura e maxisterio moral das raíñas e señoras no periodo trastamarista'. A programación continuará coas intervencións de María Jesús Fuente sobre 'Aldonza de Mendoza: práctica e símbolos do poder feminino'; de Marta Cendón sobre 'A memoria pétrea das mulleres con poder na Baixa Idade Media'; de Therese Martin sobre 'O madroádego: as promotoras da arquitectura rexia na Península Ibérica, séculos XI-XII'; de Paz Romero sobre 'Política castelá de Isabel e Juana de Portugal' e o seminario rematará coa ponencia de Miguel García-Fernández sobre 'A historia das mulleres e do xénero en Galicia: fundamentos, avances e propostas de futuro', prevista para o 27 de setembro.