A secretaria xeral da Igualdade e o alcalde de Lalín inauguran a exposición 'Elas fan camiño'

Instalada na Casa do Concello, a mostra pon de relevo o protagonismo das mulleres no Camiño e lembra o seu papel desde o principio da peregrinación en Galicia

Tamén asistiron ao acto de inauguración representantes das 22 Asociacións de Mulleres en Igualdade de Lalín

Multimedia

Santiago, 16 de xaneiro de 2012.- A exposición 'Elas fan camiño' da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia pode visitarse desde o pasado día 13 na Casa do Concello de Lalín (Pontevedra), onde foi inaugurada nun acto ao que asistiron a titular do departamento, Susana López Abella; o alcalde da localidade, José Crespo; as concelleiras de Igualdade e de Muller Rural, Paz Pérez e Sara Fernández e o edil de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández. Asistiron ademais diversas representantes das 22 Asociacións de Mulleres en Igualdade do Concello de Lalín.

A mostra dá protagonismo ás mulleres no Camiño e lembra o papel que desde o principio da peregrinación en Galicia, a través dos camiños a Santiago, xogaron moitas mulleres, algunhas delas coñecidas e famosas como raíñas ou santas, e outras mulleres anónimas, que chegaron ata Santiago de Compostela percorrendo con dificultade os camiños, entre eles o de Lalín, para pregar ante o Apóstolo.

A exposición estrutúrase en tres eixos. Unha primeira parte de 'Elas fixeron camiño' amosa a longa tradición das rutas de peregrinación e a presenza de mulleres nelas, desde diferentes perspectivas. A través deste bloque o visitante pode coñecer a Egeria, a primeira peregrina galega coñecida (ano 381), a algunhas das hospitaleiras, as protectoras do camiño, etc.

A segunda sección, 'Elas marcaron o Camiño', mostra a importancia da espiritualidade na tradición xacobea, vínculo entre o pasado e o presente, a través da devoción feminina e a estendida presenza do culto mariano no Camiño.

A última parte da mostra, 'Elas fan camiño', céntrase no Camiño de Santiago actual, onde o protagonismo das mulleres é indiscutible. Son protagonistas, mulleres con nome e apelido escollidas segundo a implicación e funcións ao longo das rutas galegas a Santiago, que forman parte esencial dos camiños a Santiago, non só como peregrinas, senón tamén co seu silencioso facer cotián. Apoian as peregrinas e peregrinos desde diferentes ámbitos: servizos sociais e humanitarios, administración, atención das infraestruturas, manutención e organización, dan ánimos e infunden ilusións nas camiñantes decaídas ou desfalecidas polas duras e longas xornadas da ruta. Un vídeo sobre as vivencias no Camiño das mulleres pon o punto final a esta mostra.