A Secretaría Xeral da Igualdade editará unha unidade didáctica da película 'A condesa rebelde', sobre a vida de Emilia Pardo Bazán

O filme foi presentado esta mañá en rolda de prensa, á que asistiron Marta González, titular de Igualdade; Rosa Vilas, directora da TVG; Zaza Ceballos, directora da película; Susana Dans, actriz protagonista e Xulia Santiso, conservadora da Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

A preestrea será esta tarde ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña.

Multimedia

Santiago, 28 de setembro de 2011.-  Esta mañá foi presentada na Coruña en rolda de prensa a película Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, producida por Zenit TV coa participación da Secretaría Xeral da Igualdade, a Consellería de Cultura e Turismo e a Dirección Xeral de Educación e Ordenación Universitaria, a Consejería de Asuntos Sociales da Comunidad de Madrid e o Instituto de la Mujer do Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad do Goberno de España.

A película relata a vida da escritora galega Emilia Pardo Bazán, muller que rompeu moldes, foi pioneira en case todo e xunto con Clarín e Galdós forma parte dos escritores máis destacados da novela española do século XIX. Foi a primeira muller que estivo á fronte dunha cátedra universitaria, a primeira xornalista profesional, unha das defensoras do feminismo decimonónico e a gran narradora da súa época.

O personaxe de Emilia Pardo Bazán relata a loita pola igualdade de condicións levada a cabo por mulleres coñecidas e anónimas ao longo da historia. E lembra momentos decisivos da súa vida como os desexos da escritora de converterse en directora da Sección de Literatura do Ateneo de Madrid, conseguir unha cátedra na universidade e ser membro da Real Academia Española, a única meta que non logrou. Ademais, Emilia Pardo Bazán, apoiada pola súa familia, especialmente polo seu pai, decide separarse do seu marido ao non recibir o seu apoio para dedicarse profesionalmente á literatura.

Unidade Didáctica

A partires do material da película, a Secretaría Xeral da Igualdade editará unha unidade didáctica, da que se publicarán 5.000 exemplares, para a súa distribución a todos os centros educativos de Galicia,  que sirva para presentar os valores da igualdade, como xa se fixo con anteriores unidades didácticas, como Fíos violeta.

Rodaxe

A película foi rodada en lugares emblemáticos, como o Pazo de Meirás, a Fábrica de Tabacos da Coruña, o Mosteiro de Poio en Pontevedra, o Ateneo de Madrid e a Real Academia Española. A Villa Isabel en Oleiros, a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán e as rúas da Coruña recrean os ambientes que formaron parte da vida de Emilia Pardo Bazán.

A película, dirixida por Zaza Ceballos, conta cun elenco importante de actores e actrices que interpretan aos personaxes da película, todos eles relacionados coa biografía de Emilia Pardo Bazán, á que dá vida a actriz Susana Dans.

Forman parte do reparto Manolo Solo (Benito Pérez Galdós), Mabel Rivera (Dona Amalia), Casilda Alfaro (Dona Vicenta), Albert Forner (Gaspar), Balbino Lacosta (Tomás), César Cambeiro (Pepe Quiroga), Tamara Canosa (Mariana), Lúa Testa (Sofía), Manuel Lourenzo (José Pardo Bazán), Manuel Millán (Dositeo), Jordi Ballester (Arturo) e Sergio Caballero (Blasco Ibáñez).

A preestrea de Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, terá lugar esta tarde ás 20.30h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre ata completar o aforamento.