A Xunta asina con Portugal o acordo de cooperación para a posta en marcha do proxecto europeo CEDIM

O proxecto ten como obxectivo mellorar as condicións de vida das mulleres da zona transfronteiriza, dotándoas de formación, información e recursos baixo a utilización compartida de equipamentos e servizos, o que permitirá un mellor aproveitamento e mellor atención ás mulleres, especialmente no que se refire á súa formación e ao emprego.

  • A Xunta asina con Portugal o acordo de cooperación para a posta en marcha do proxecto europeo CEDIM
  • A Xunta asina con Portugal o acordo de cooperación para a posta en marcha do proxecto europeo CEDIM

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2011.- A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mª del Mar Pereira, asinaron hoxe coa presidenta da Comissâo para a Cidadanía e a Igualdade de Género de Portugal, Teresa Fragoso, e a xerenta da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Covadonga Toca, o acordo de cooperación para a posta en marcha do proxecto europeo CEDIM que realizan en conxunto.

O proxecto europeo CEDIM pretende mellorar as condicións de vida das mulleres que residen na zona transfronteiriza entre Galicia e Portugal, dotándoas de información, formación, asesoramento e recursos, baixo a fórmula da utilización compartida de equipamentos e servizos destinados á información da poboación feminina.

Entre esas infraestructuras está a creación de catro novos Centros de Información ás Mulleres (CIM), tres en Galicia e un en Portugal, que realizarán actividades de información, formación e orientación as mulleres. De feito, nesta reunión decidiuse que os novos CIM estarán ubicados nos concellos fronteirizos pontevedreses de Tui e A Cañiza e no ourensano de Monterrei, tamén fronteirizo; no caso de Portugal estará localizado no concello de Vila Verde.

Ademais, establecerase unha rede de centros compartidos, crearase a figura de "dinamizadora de centros compartidos" e organizaranse seminarios de formación e intercambio de experiencias dirixidos a usuarias do proxecto e a profesionais que traballen nos CIM.

Realizarase previamente un estudo para coñecer as necesidades técnicas e persoais dos servizos existentes, e para mellorar as sinerxías da cooperación e da xestión conxunta para a integración socioeconómica e institucional.

O proxecto tamén realizará a identificación e difusión do mapa de recursos transfronteirizos para a promoción da igualdade, e creará unha plataforma web para a rede de centros de información ás mulleres, uns setenta e oito na actualidade, na que se promoverá a incorporación laboral das mulleres a través de mecanismos que faciliten o teletraballo e a optimización das oportunidades existentes no mercado laboral transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal.

A idea deste proxecto xurdiu da necesidade de dotar á área de intervención do proxecto de mellores recursos en materia de igualdade, e facelo de forma coordinada entre Galicia e o norte de Portugal para utilizar recursos conxuntos que podan mellorar a situación das mulleres, especialmente no que se refire á súa formación e ao emprego.

Entre os obxectivos do proxecto CEDIM está o fomento da utilización compartida de equipamentos e servizos entre os colectivos raianos, superando a fractura da fronteira galaico-portuguesa; así como a promoción e a mellora da eficacia das redes estables de cooperación transfronteiriza de eido municipal.