A Xunta leva a centros escolares de Vigo e Ponteareas os contacontos ilustrados sobre galegas referentes

Os CEIPS Escultor Acuña de Vigo e o Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas participan hoxe en cadansúas sesións nas que alumnos de infantil e primaria se achegarán ás figuras de Ángela Ruiz Robles e Rosalía de Castro

A actividade enmárcase no programa Donas de Si co que a Xunta promove o liderado feminino e a loita contra os estereotipos de xénero nos centros escolares e contribúe, ao mesmo tempo, a divulgar a memoria histórica feminina de Galicia

Vigo, 1 de abril de 2022.-
 
A Consellería de Emprego e Igualdade leva hoxe ao CEIP escultor Acuña de Vigo e ao CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera, de Ponteareas, dúas novas sesións de contacontos ilustrados que, baseadas no programa Donas de si, no que toman parte estes centros, revisarán as traxectorias da mestra e inventora Ángela Ruiz Robles e da escritora Rosalía de Castro.
 
A actividade diríxese a alumnos de educación infantil e primaria, co obxectivo de que coñezan e recoñezan figuras de mulleres que tiveron un papel relevante no desenvolvemento da sociedade galega contemporánea para achegarse a súa contribución aos eidos da cultural, social, científico, artístico e político.
 
A iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade, insírese no programa Donas de si co que o Goberno galego traballa con 65 centros escolares no eido da igualdade. Ao se dirixir ao alumnado de menor idade, seleccionáronse 35 escolas que imparten estes ciclos para participar nesta primeira edición de contacontos ilustrados.
 
O programa Donas de si trata de favorecer a visibilización e potenciar o liderado das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega. Utilizase a estas figuras como punto de partida para traballar na aula o concepto da igualdade e para eliminar estereotipos de xénero.
 
Ademais se contribúe a realizar unha aproximación a mulleres relevantes, con especial atención ás máis esquecidas, para divulgar a memoria histórica feminina de Galicia.
 
Parte da escolma de mulleres protagonistas dos contacontos sae da publicación da colección Mulleres Galegas promovida pola Xunta e integrada por cinco biografías: a da mestra e pedagoga Ernestina Otero; a da oceanógrafa, Ángeles Alvariño; a da artista Maruja Mallo; a da editora María Victoria Moreno; e a da mestra e inventora, Ángeles Ruiz Robles. Trátase de libros de pequeno formato nos que xa traballan os centros e que ademais da traxectoria vital das protagonistas inclúen actividades para traballar na aula.