A Xunta mantén o compromiso coas vítimas de violencia de xénero coa publicación hoxe no DOG das axudas económicas

Nesta convocatoria incrementase nun 5 por cento os importes das axudas

O ano pasado foron perceptoras das axudas 286 mulleres

  • Susana López Abella durante a rolda de prensa
  • Susana López Abella durante a rolda de prensa
  • Susana López Abella durante a rolda de prensa

Santiago, 28 de marzo de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o compromiso da Xunta coas vítimas da violencia de xénero convocando un ano máis as axudas económicas de carácter periódico de apoio a estas mulleres, que hoxe saen publicadas no DOG. O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá día 29 de marzo.

López Abella informou hoxe en rolda de prensa destas axudas, para as que o Goberno galego destina na convocatoria plurianual 2014-2015 un total de 1.905.150 euros, dos que 750.150 euros son para esta anualidade e 1.155.000 euros para a anualidade 2015.
Esta cantidade supón un incremento de máis do 5 por cento con respecto ao ano 2013, ao pasar de 1.808.850 euros do pasado ano a 1.905.150 euros deste exercicio. Ademais, segundo apuntou a titular de Igualdade, na Lei de Orzamento 2014 estas axudas económicas seguen a ser unha partida ampliable, como así o recolle o artigo 7 da Lei.

Mantendo un ano máis estas partidas, a Xunta de Galicia pon de relevo novamente o seu compromiso coas vítimas da violencia de xénero, ás que lle ofrece os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia. Estas axudas buscan garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Segundo destacou López Abella, a Comunidade galega é pioneira na articulación de axudas económicas destas características, e ata hai un mes era a única Administración do Estado con axudas directas ás vítimas para posibilitarlle a súa independencia económica do agresor e rachar coa situación de violencia.

As axudas son de ata 12 mensualidades e de entre 300 e 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria e dos fillos/as menores e menores ao seu cargo, así como de circunstancias de discapacidade. A axuda se incrementa en función do número de fillos e fillas de cada muller e de si posúe algunha discapacidade, tanto ela mesma como algún dos seus fillas e fillos, percibindo nestes casos entre 700 e 800 euros mensuais.

Requisitos para optar ás axudas

  • Ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia.
  • Ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude.
  • Percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente.
  • Estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

Beneficiarias do ano pasado
O pasado ano, 286 mulleres vítimas de violencia residentes en Galicia percibiron esta modalidade de axudas. Delas, un 81,5 por cento eran de nacionalidade española e o restante 18,5 por cento estranxeiras.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra encabezan a listaxe con 104 perceptoras de axudas cada unha, seguidas de Lugo con 44 e Ourense con 34. O perfil de idade maioritario é o de 26 a 45 anos, que representa o 69 por cento do total. Hai 173 beneficiarias que son nais e 20 teñen algunha discapacidade.