A Xunta reforzará con 3, 6 M€ a Rede galega de acollemento a vítimas da violencia de xénero, que contará cun novo centro para atender mulleres con adiccións

Salienta que, deste xeito, se multiplica por catro a partida dirixida a mellorar e ampliar esta este rede pública de vivendas seguras

Lembra que na actualidade se ofrece un total de 84 prazas nas dez casas de acollida ou vivendas tuteladas da Coruña, Ourense, Ferrol, Lugo, Vigo, Burela e Chantada, ás que se sumará un novo centro no Porriño, especializado en atender vítimas con algún trastorno aditivo

Defende a “necesidade” deste servizo que foi empregado en 2023 por 142 mulleres e 91 menores cun 60 % de ocupación de media na anualidade

A Rede galega de acollemento vai completarse tamén este ano con cinco centros de crise 24 horas que a Xunta abrirá en Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo

Multimedia

A Xunta reforzará con 3, 6 M€ a Rede galega de acollemento a vítimas da violencia de xénero, que contará cun novo centro para atender mulleres con adiccións

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2014.-

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o reforzo con 3,6 millóns de euros da Rede galega de acollemento a vítimas de violencia de xénero que irán destinados a mellorar as dez casas de acollida ou vivendas tuteladas repartidas por toda a Comunidade, á vez que para crear un novo centro no Porriño, que estará especializado en atender aquelas vítimas con algún trastorno aditivo.

“Trátase dunha rede que, por desgraza, segue amosándose moi necesaria”, defendeu Rueda sobre a decisión tomada hoxe en Consello da Xunta do seu “reforzamento” a través de “multiplicar por catro” a partida dirixida a esta rede.

Rueda precisou que, unha parte deste orzamento destinarase a facer obras de reforma  nas casas e vivendas da rede galega existentes na Coruña, Ourense, Ferrol, Lugo, Vigo, Burela e Chantada para “modernizalas, eliminar barreiras arquitectónicas e facelas máis cálidas e acolledoras”.

Novo centro no Porriño

Mentres que o segundo destino desta partida de 3,6 millóns de euros —proveniente de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia— será para construír un centro novo, que se localizará no Porriño, para atender aquelas mulleres vítimas con problemas de adicción.  

Ao respecto, o mandatario galego defendeu a necesidade deste centro especializado, xa que explicou que ter algún trastorno aditivo grave provocaba que estas mulleres atopábanse con “máis dificultades para ser acollidas” nestas casas ou vivendas.

Deste xeito, a Rede galega de acollemento contará con este novo recurso especializado en vítimas que padecen problemas graves de adicción ao alcohol e a outras substancias. En concreto, Rueda avanzou que contará cun investimento dun millón de euros e será de titularidade municipal.

O titular do Executivo galego en funcións lembrou que a Rede galega de acollemento ofrece na actualidade un total de 84 prazas “que en 2023 foron utilizadas por 142 mulleres e 91 menores, cun grado medio de ocupación ao longo do ano do 60 %”. Ademais desta rede, a Xunta conta ademais con tres centros de seguridade existentes en Ourense, A Coruña e Lugo para vítimas da trata.

Cinco centros de crise 24 horas para vítimas da violencia sexual

Precisamente, Rueda tamén salientou que o programa de investimentos hoxe aprobado polo Consello encaixa na posta en funcionamento, antes do 31 de decembro de 2024, de cinco centros de crise na comunidade para atender vítimas da violencia sexual, un obxectivo no cal a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Consellería de Sanidade colaboran.

As obras para a habilitación destes espazos xa están case finalizadas nos hospitais Novoa Santos de Ferrol, Lucus Augusti de Lugo, PAC-Centro de Especialidades de Ourense, Gil Casares de Santiago de Compostela e Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde quedarán radicados estes puntos de atención de 24 horas os sete días da semana ás vítimas de violencia de xénero.

Estes cinco centros concentrarán a atención especializada, psicolóxica, xurídica e social que estas mulleres xa viñan recibindo na comunidade, grazas ao pioneiro marco lexislativo galego que desde 2007 considera a violencia sexual como violencia de xénero.