Estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas

Martes, 17 de abril de 2012.- Esta resolución ten por obxecto facilitarlles ás mulleres que teñan fillas e/ou fillos menores exclusivamente ao seu cargo un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.

Convócanse ata un máximo de 95 prazas para mulleres con fillas e/ou fillos ao seu cargo, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

As estadías serán de entre sete e dez días en réxime de pensión completa, preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de xullo.

Os gastos de aloxamento, manutención, monitoras e transporte desde o seu concello de orixe serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.

Beneficiarias

As mulleres que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter fillas e/ou fillos exclusivamente ao seu cargo con idades comprendidas entre os 2 e 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude.
b) Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia e no caso de mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia ou tarxeta de réxime comunitario, segundo o caso.
c) Dispoñer dunha renda mensual que, tendo en conta todos os ingresos do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o salario mínimo interprofesional (SMI).
d) Non padecer ela, nin as fillas e/ou fillos que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

Requisitos

Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/fillos menores, sempre que estas/es teñan con idades comprendidas entre os dous e os doce anos, ambos inclusive.

Estado de tramitación: 
Resolta