Convocatoria para as asociacións e federacións de mulleres para a elección das vogalías que lles corresponden no Consello

Orde do 26 de agosto de 2013 pola que se convocan as asociacións de mulleres e as federacións constituídas por estas para o procedemento de elección das vogalías que lles corresponden no Consello Galego das Mulleres.

04 de Setembro de 2013

Entre as finalidades do Consello Galego das Mulleres está a de ofrecer unha canle de participación efectiva ao sector feminino a través de asociacións e entidades representativas dos seus intereses, para loitar contra a discriminación. Para conseguir tales fins, o Consello actuará como interlocutor ante a Administración autonómica e ante calquera institución ou entidade de carácter público ou privado, para o desenvolvemento de políticas públicas e medidas encamiñadas á consecución da igualdade entre mulleres e homes, e á erradicación da violencia de xénero.

As asociacións e federacións que desexen participar neste procedemento tanto como votantes e/ou candidatas deberán reunir, entre outros requisitos, o de estar formadas exclusivamente por mulleres; ter o seu domicilio legal en Galicia e constituírse como entes sen ánimo de lucro e cuxos fins específicos estean relacionados cos intereses das mulleres.

As entidades admitidas que desexen participar como candidatas deberán encadrarse en catro categorías, unha xeral e tres especiais (organizacións profesionais, rurais e de atención a colectivos con dificultades).

As solicitudes poden presentarse tanto en soporte papel nos rexistros da Xunta de Galicia ou ante a Sede Electrónica da Xunta no enderezo electrónico https://sede.xunta.es .O prazo de presentación das peticións será de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.